Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

Titorización

A admisión definitiva dunha persoa doutoranda nun Programa de Doutoramento leva a asignación dunha persoa Titora, designada pola Comisión Académica do Programa de Doutoramento. Tratarase dun profesor ou profesora asignado ao programa con vinculación permanente coa universidade e/ou entidade colaboradora no Programa de Doutoramento.

Con carácter xeral, o persoa titora terá como funcións:

  • Velar pola interacción da persoa doutoranda coa Comisión Académica do Programa de Doutoramento e, conxuntamente, coa persoa directora da tese.
  • Velar pola adecuación ás liñas do Programa da formación e a actividade investigadora da persoa doutoranda.

A Comisión Académica do Programa de Doutoramento, oído a persoa doutoranda, poderá modificar o nomeamento da persoa titora en calquera momento do período de realización do doutoramento, sempre que concorran razóns xustificadas.

A labor de Titorización será recoñecida como parte da dedicación docente e investigadora do profesorado.

 

Dirección de tese de doutoral

No prazo máximo de tres meses desde a súa matriculación, a Comisión Académica do Programa de Doutoramento asignará a cada persoa doutoranda unha persoa directora de tese que poderá ser coincidente ou non coa persoa titora previamente referida. A persoa directora da tese será o máxima responsable da coherencia e idoneidade das actividades de formación, do impacto e novidade no seu campo, da temática da tese e da guía na planificación e a súa adecuación, no seu caso, á doutros proxectos e actividades onde se inscriba a persoa doutoranda. Polo tanto, debe dispor do tempo, coñecementos, experiencia, aptitude técnica e dedicación necesarios para poder atender ao/á estudante.

Como persoas supervisoras do labor investigador deben crear unha relación construtiva e positiva co estudantado, a fin de establecer as condicións necesarias para unha transferencia eficaz de coñecementos e para o futuro bo desenvolvemento da súa carreira investigadora.

Poderá ser persoa directora de tese calquera persoa doutora española ou estranxeira, con experiencia investigadora acreditada, con independencia da universidade, centro ou institución en que preste os seus servizos, e que non incorra en calquera das causas de abstención establecidas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro. Para os efectos desta normativa, por «acreditada experiencia investigadora» enténdese o cumprimento no momento da solicitude dalgún dos seguintes requisitos:

  • Ter recoñecido, polo menos, un sexenio de actividade investigadora avaliado pola CNEAI ou, no seu defecto, acreditar méritos suficientes que garantan a avaliación positiva dun sexenio de actividade investigadora segundo o establecido pola CNEAI para cada campo científico.
  • Ser, nos últimos seis anos, investigadora ou investigador principal dun proxecto de investigación financiado mediante unha convocatoria pública.
  • Acreditar a autoría ou coautoría, como mínimo, de tres publicacións en revistas incluídas no Journal Citation Reports.
  • Acreditar a autoría ou coautoría dunha patente en explotación.
  • Ter dirixido unha tese de doutoramento coa cualificación de sobresaliente que orixinase, polo menos, unha publicación en revistas indexadas no ISI-JCR ou algunha contribución de relevancia equivalente no seu campo científico segundo os criterios da CNEAI.

A CAPD poderá modificar a asignación da dirección da tese, unha vez oído a persoa doutoranda, sempre que concorran razóns xustificadas, durante os dous primeiros anos da formación. Excepcionalmente, poderá realizarse con posterioridade. En ningún caso se modificará a asignación da dirección para deixala vacante.