A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación conta con 4 salas de seminarios (capacidade de 15 a 20 persoas) dotadas de conexión a Internet e proxectores de vídeo. Tamén está equipada con 3 salas de videoconferencia (capacidade de 25 a 45 persoas), útiles para o desenvolvemento de reunións conxuntas ou seminarios con outros centros de investigación.
A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación tamén dispón dunha aula magna con 108 asentos e dun salón de actos con 350 asentos, que se utilizan con frecuencia para a presentación e defensa de teses doutorais, mesas redondas ou conferencias organizadas polo programa doutoral DocTIC. Ambos espazos están equipados con sistemas de proxección de son e vídeo, así como con cadeiras con pala.
No que respecta á Biblioteca, na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación hai unha sala de lectura con 288 asentos. Ademais, existe unha biblioteca de gran tamaño no edificio de Enxeñarías e, por último, está a Biblioteca Central da Universidade. Esta biblioteca pode consultarse a través da Intranet da Universidade de Vigo.
Tamén debe sinalarse que a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo está preparada para facilitar o acceso de todas as persoas con discapacidade aos seus diferentes pavillóns, contando para iso con plataformas transportadoras e rampas de acceso.
A Universidade de Vigo ofrece conexión sen fíos á rede interna da universidade e, desde ela, a Internet. Todas as persoas integrantes da comunidade universitaria teñen acceso a este servizo mediante un contrasinal vinculado á súa conta de correo electrónico persoal, fornecida pola universidade.
O centro de investigación atlanTTIC, que inclúe a maior parte dos grupos de investigación, ten entre os seus obxectivos a formación doutoral. Con este fin, destina parte dos seus recursos económicos a apoiar estadías de investigación e a asistencia a conferencias científicas do estudantado de doutoramento do programa DocTIC.
Os grupos de investigación vinculados ao Programa dispoñen dos recursos materiais e servizos necesarios para desenvolver de maneira plenamente satisfactoria o Programa de Doutoramento proposto. Trátase de grupos activos que regularmente obteñen financiamento para investigación e bolsas de viaxe destinadas á asistencia a conferencias e á realización de estadías no estranxeiro ou noutras universidades.
O estudantado de doutoramento incorporarase aos grupos de investigación nos que participe a persoa directora da súa tese doutoral. Deste xeito, terá acceso a este tipo de bolsas para o desenvolvemento das súas tarefas de investigación e da súa formación predoutoral.
Espérase que todo o estudantado obteña financiamento suficiente para realizar estadías de investigación e asistir a conferencias.
Os grupos de investigación poñen os seus laboratorios de investigación a disposición do estudantado de doutoramento. Entre eles inclúense laboratorios equipados con sistemas de computación de alta capacidade, que facilitan a realización de simulacións e cálculos a gran escala, así como laboratorios con equipamento experimental. Nos laboratorios experimentais existe unha ampla variedade de equipamento, que inclúe cámaras anecoicas (electromagnéticas e acústicas), unha sala limpa, equipos para a xeración e recepción de sinais electromagnéticos, fabricación de placas de circuíto impreso e medición de amplificadores de potencia, entre outros. Cúbrense rangos de frecuencia de microondas, milimétricas e terahercios, chegando mesmo a frecuencias ópticas. Así mesmo, existe un moderno laboratorio de tecnoloxías cuánticas equipado con instrumentación para a medición de microchips.