3. Acceso e admisión de estudantes

3.1. Sistemas de información previa á matrícula e procedementos de acollida e orientación dos estudantes de novo ingreso para facilitar a súa incorporación á Universidade e ás ensinanzas

Na difusión de información xogarán un papel moi importante as webs do programa, da Escola de Doutoramento (EIDO) e da Universidade e a publicidade que se fai da titulación mediante as tres entidades responsables:

  • Difusión institucional da Universidade de Vigo: a información xeral relativa ao título xunto coa guía da titulación terá a difusión pública institucional habitual da Universidade de Vigo (publicación no servidor web institucional da Universidade e reparto de guías impresas dentro do ámbito territorial de Galicia e Norte de Portugal). Dentro da web da Universidade de Vigo na actualidade está dispoñible a seguinte información: Difusión institucional da Escola de Doutoramento. Os programas de doutoramento na Universidade de Vigo adscribiranse á Escola Internacional de Doutoramento, tal como recolle o Regulamento de Estudos de Doutoramento da Universidade de Vigo. A Escola Internacional de Doutoramento asume as funcións de organización, planificación, xestión e supervisión dos estudos de doutoramento, polo que se habilitará a información pertinente na páxina web da Escola correspondente. As condicións, procedementos e prazos para a tramitación da defensa da tese doutoral na Universidade de Vigo están establecidas no Regulamento de Estudos de Doutoramento da universidade (aprobado en Consello de Goberno en febreiro de 2020). Toda a información relativa a este procedemento estará dispoñible na páxina web da Escola Internacional de Doutoramento. Inclúese información ao respecto de:
    • Información que proporciona a páxina web da Universidade de Vigo de carácter xeral. Na páxina principal da Universidade de Vigo (http://www.uvigo.es), no apartado “Estudar/Qué estudar” accédese ao campo “Estudos de doutoramento”. Nesta dirección de Internet figura a relación de programas de doutoramentos que constitúen a oferta actualizada de terceiro ciclo da universidade. Inclúese información relativa á denominación formal do programa de doutoramento, carácter do programa (propio ou interuniversitario, indicando neste último caso as universidades participantes e a universidade coordinadora), información relativa ás condicións de acceso e admisión no programa de doutoramento, liñas de investigación que se desenvolven no programa, datos de contacto da coordinación, memoria de verificación do programa de doutoramento e a ligazón activada á información propia de cada programa de doutoramento.
    • En canto á información relativa ao procedemento de matrícula, está activa a información no apartado “Estudar/Xestión para estudantes” da páxina principal da Universidade de Vigo (http://www.uvigo.es) nun campo denominado “Matricúlate”. Nesa páxina figura a información detallada ao respecto da convocatoria de matrícula para estudos de Grao, Máster e Doutoramento na Universidade de Vigo. En particular, en relación a estudos de doutoramento, inclúese información ao respecto de:
  • Procedemento e calendario de matrícula en tutela académica de tese doutoral (novo ingreso e continuación de estudos) para toda a oferta de estudos de terceiro ciclo da universidade
  • Información relativa aos prezos públicos e exencións de pago de matrícula
  • Condicións de modificación e/ou anulación de matrícula
    • Etapas para a presentación da tese doutoral para a súa defensa (procedementos e prazos)
    • Información pública ao respecto de teses doutorais en depósito, información ao respecto dos actos de defensa pública das teses, información relativa ao procedemento da convocatoria anual de Premios Extraordinarios de Doutoramento.
  • Servidor web propio do doutoramento http://doctic.uvigo.es: será o principal sistema de información sobre o programa de doutoramento, incluíndo toda a información que se considere de interese referente a aspectos organizativos, administrativos e curriculares. Nela está dispoñible toda a información que o estudantado necesite antes da súa matrícula e ademais será o mecanismo principal de información ao alumnado durante o curso. Nesta páxina tamén se incluirán ligazóns aos servizos de información e orientación ao estudantado que posúe a Universidade de Vigo.
  • Difusión internacional de trípticos e carteis informativos: realizarase unha campaña de difusión mediante correo postal dirixida a universidades e centros de investigación de España, Portugal e América Latina, xa que estes son os países de orixe do alumnado que cursaron os másteres dos que procede este doutoramento.
  • Sesións informativas na propia EE de Telecomunicación cuxas persoas egresadas poden formar parte do alumnado do doutoramento.
  • Difusión entre o antigo alumnado do programa que, unha vez finalizadas as súas teses, poidan estar noutras universidades onde pode haber novo alumnado interesado.

Dada a heteroxeneidade do potencial alumnado do doutoramento, tanto na súa formación previa coma na súa localización xeográfica, o tipo de información que debe orientar inicialmente ao posible estudantado, a través da web e dos trípticos, é a seguinte:

  • Información sobre as condicións de acceso. Neste punto dedicaráselle unha especial atención ao perfil de acceso recomendado, co fin de orientar principalmente ás persoas interesadas que posúan titulacións estranxeiras e non adaptadas ao Espazo Europeo de Educación Superior, xa que a nosa experiencia previa indícanos que moitas veces atopan dificultades para identificar tanto o nivel dos estudos aos que pretenden acceder, así como a validez e adecuación dos seus títulos para acceder a ditos estudos.
  • Información de tipo administrativo, como procedementos e modalidades de matrícula, taxas ou bolsas.
  • Información sobre as características propias do doutoramento, como poden ser, entre outras, contidos, competencias a desenvolver, metodoloxía de traballo ou criterios de avaliación.

En canto aos procedementos de acollida do alumnado de novo ingreso, serán de tipo individualizado, sendo a persoa titora quen guíe en aspectos académicos, administrativos e de integración no sistema universitario. Ademais, ao principio do curso desenvolveranse sesións informativas nas que poderán participar todo o alumnado, ben presencialmente, ben a través de vídeo/audioconferencia, destinadas a precisar a información e familiarizar ao alumnado coa organización e os aspectos docentes do programa de doutoramento, así como coa institución na que se imparte.

3.2. Requisitos de acceso e criterios de admisión

Acceso aos estudos de Doutoramento

Para acceder a un programa de doutoramento do Real decreto 99/2011 (modificado polo RD 576/2023), débese cumprir algún dos seguintes requisitos:

  • Con carácter xeral, para o acceso a un programa oficial de doutoramento será necesario estar en posesión dos títulos oficiais españois de grao, ou equivalente, e de máster universitario, ou equivalente, sempre que se superasen, polo menos, 300 ECTS no conxunto destas dúas ensinanzas.
  • Así mesmo poderán acceder quen se atope nalgún dos seguintes supostos:
    • Estar en posesión de títulos universitarios oficiais españois ou títulos españois equivalentes sempre que se superaran, polo menos, 300 créditos ECTS no conxunto destes ensinos e acreditar un nivel 3 do Marco Español de Cualificacións para a Educación Superior. Pódense consultar as correspondencias dende a páxina web do MECD.
    • Estar en posesión dun título obtido conforme a sistemas educativos estranxeiros pertencentes ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), sen necesidade da súa homologación, que acredite un nivel 7 do Marco Europeo de Cualificacións sempre que devandito título faculte para o acceso a estudos de doutoramento no país de expedición do mesmo. Esta admisión non implicará, en ningún caso, a homologación do título previo do que estea en posesión o interesado nin o seu recoñecemento a outros efectos que o do acceso a ensinos de doutoramento.
    • Estar en posesión dun título obtido conforme a sistemas educativos estranxeiros alleos ao EEES, sen necesidade da súa homologación, previa comprobación pola universidade de que este acredita un nivel de formación equivalente á do título oficial español de Máster universitario e que faculta no país de expedición do título para o acceso a estudos de doutoramento. Esta admisión non implicará, en ningún caso, a homologación do título previo do que estea en posesión o interesado nin o seu recoñecemento a outros efectos que o do acceso a ensinos de doutoramento.
    • Estar en posesión doutro título de Doutora ou Doutor.
    • Igualmente poderán acceder os titulados universitarios que, previa obtención de praza en formación na correspondente proba de acceso a prazas de formación sanitaria especializada, superasen con avaliación positiva polo menos dous anos de formación dun programa para a obtención do título oficial dalgunha das especialidades en Ciencias da Saúde.

O Regulamento de estudos de doutoramento (RED), no seu artigo 23 establece as liñas básicas para a matrícula a tempo completo e a tempo parcial.

Para matricularse a tempo parcial será requisito indispensable a autorización por parte da Comisión Académica do Programa de Doutoramento (CAPD). Esta condición deberá solicitárselle á CAPD, mediante os documentos xustificativos que correspondan (xustificación de motivos de carácter laboral, familiar ou persoal).

  • Carácter laboral, preferentemente situacións de carácter fixo ou estable, pero non situacións eventuais, como contratos temporais, contratos en prácticas ou bolsas de colaboración de duración inferior a seis meses.
  • Carácter familiar ou persoal entre outras: dependencia, coidado de maiores ou fillos/as discapacitados, familia numerosa con fillos/as en idade escolar, situacións de violencia de xénero…
  • Discapacidade superior ao 33% obterá, se así o solicita e xustifica documentalmente á CAPD, a condición de estudante a tempo parcial (para o acceso do alumnado con discapacidade resérvase unha cota do 5% na convocatoria de matrícula).

O cambio de modalidade de matrícula poderá solicitarse nos períodos de matrícula ordinarios, condicionada ao informe favorable da CAPD, e extraordinariamente noutros períodos por modificacións das circunstancias laborais, familiares ou persoais do doutorando/a.

O procedemento para a matrícula a tempo parcial será o establecido na convocatoria anual de matrícula.

A Universidade, a proposta de cada CAPD, poderá establecer do total de estudantado matriculado no programa un porcentaxe máximo de doutorandos/as matriculados a tempo parcial.

Admisión nos estudos de doutoramento

No caso do Programa de Doutoramento que nos ocupa, o perfil de ingreso recomendado é o de Enxeñaría de Telecomunicación, Máster en Enxeñaría de Telecomunicación, Máster en Teoría do Sinal e Comunicacións, Máster en Enxeñaría Telemática, Máster en Radiocomunicacións e Enxeñaría Electromagnética, Máster en Ciberseguridade ou o Máster en Visión por Computador pola Universidade de Vigo.

Para o estudantado con estudos de máster nacionais ou estranxeiros relacionados coas Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, estudarase a súa afinidade por parte da Comisión Académica do Programa de Doutoramento (CAPD). Tomaranse como referencia as competencias do título oficial español de Máster en Enxeñaría de Telecomunicación. Nestes casos a CAPD poderá condicionar a admisión á superación de complementos de formación específicos que establecerá en cada caso dentro da oferta de ensino dos másteres da Universidade de Vigo no ámbito das TICs.

Dada a obrigatoriedade de algunhas actividades que se impartirán en inglés é requisito para a admisión a acreditación de competencia lingüística neste idioma (B1) mediante un certificado do “Centro de Linguas” ou equivalente. Estarán exentos de presentar dita acreditación aquelas persoas que sexan nativas dun país no que unha das linguas oficiais sexa o inglés ou aquelas que acrediten ter cursado algunha titulación previa (grao ou máster) na que a lingua vehicular sexa o inglés. No caso de non poder acreditar esta competencia, a Comisión Académica poderá substituír este requisito por outros que aseguren que se conseguirá a competencia de inglés dentro do primeiro ano.

No momento de solicitar a admisión, deberase presentar un anteproxecto de tese relativo a algunha das liñas de investigación que conforman o programa de doutoramento. Dito anteproxecto, debe estar avalado por algún doutor ou doutora do programa DocTIC. Con este fin, daránse facilidades aos solicitantes para que se poñan en contacto co profesorado do programa.

As persoas que desexen realizar este Programa de Doutoramento presentarán a súa solicitude na forma en que determinen as normas de admisión e matrícula aprobadas pola Comisión Académica do Programa de Doutoramento para cada curso académico, que á súa vez atenderá o establecido na Universidade de Vigo. A tal efecto, o estudantado debe cumprir os requisitos establecidos e acompañar a documentación acreditativa.

No proceso de admissión seguiranse os principios de obxectividade, imparcialidade, mérito e capacidade, e teranse en conta os seguintes criterios:

  • Currículum Vitae das persoas candidatas, considerando:
    • Estudos previos das candidatas. As titulacións consideradas totalmente afíns son Enxeñaría de Telecomunicación ou Máster en Enxeñaría de Telecomunicación, Teoría do Sinal e Comunicacións, Enxeñaría Telemática, Radiocomunicacións e Enxeñaría Electromagnética, Ciberseguridade e Visión por Computador pola Universidade de Vigo.
    • Para o estudantado con outros másteres relacionados coas Tecnoloxías da Información e as Comunicacións e para as titulacións estranxeiras con contidos afíns ao doutoramento, o tratamento será similar, isto é, estudiarase a súa afinidade. Nestes casos, a Comisión Académica poderá condicionar a superación de complementos de formación específicos que establecerá en cada caso dentro da oferta de ensino dos másteres de Enxeñaría de Telecomunicación, Ciberseguridade ou Visión por Computador da Universidade de Vigo, que as persoas candidatas deberán superar.
    • Expediente académico.
    • Experiencia profesional no ámbito do doutoramento.
  • Anteproxecto de Tese.
  • Cartas de aval do profesorado de titulacións previas.
  • Outros méritos académicos e/ou profesionais.
  • Se se considera necesario, entrevista persoal.

En todo caso, a admissión quedará restringida aos números de entrada fixados para o Programa de Doutoramento, dentro do marco determinado polas disposicións superiores correspondentes.

A Comisión Académica do Programa de Doutoramento concretará a aplicación dos principios e criterios enunciados.

En relación coa adaptación dos sistemas e procedementos de admissión para estudantes con necesidades educativas especiais derivadas de discapacidade, a Universidade de Vigo, co obxecto de apoiar aos estudantes con discapacidade e fomentar unha completa igualdade de oportunidades e a súa integración na vida universitaria, ten activo o programa PIUNE (Programa de Apoio á Integración do Alumnado con Necesidades Especiais). A través deste programa, os estudantes poderán recibir:

  • Atención, acollida e asesoramento pola UNATEN (Unidade de atención ao estudantado con necesidades específicas de apoio educativo, https://www.uvigo.gal/es/campus/salud-bienestar/unidad-atencion-estudian...).
  • Soporte ao estudo (adaptacións curriculares, recursos técnicos de apoio, etc.).
  • Acompañamento en actividades diversas por voluntariado da Universidade de Vigo.

Os detalles do alcance da atención á discapacidade na Universidade de Vigo pódense consultar na dirección de Internet: https://www.uvigo.gal/es/campus/atencion-diversidad/que-podemos-ayudar.

3.3. Estudantes

O programa DocTIC procede da transformación e agrupamento dos programas de doutoramento Teoría do Sinal e Comunicacións (TSC), Enxeñaría Telemática (IT) e Tecnoloxías das Comunicacións (TC). Estes programas eran conformes ao RD1393/2007 e herdeiros de programas segundo o RD778/1998. Leva impartíndose desde o curso 2013/2014, e o número de estudantes nacionais e de outros países matriculados nos últimos cinco anos está reflectido na seguinte táboa:

Programa que se modifica: Programa de Doutoramento DocTIC

Datos de matrícula do programa que se modifica

 

Total de estudiantes nacionais matriculados/as

Total de estudiantes matriculados/as doutros países

Ano 3: 2015/16

38

28

Ano 4: 2016/17

41

37

Ano 5: 2017/18

44

43

Ano 6: 2018/19

39

41

Ano 7: 2019/20

43

37

A partir dos datos da táboa, observa-se que a percentaxe de estudantes matriculados/as procedentes de outros países oscila entre o 42,4% e o 51,2%, o que representa un valor significativo en todos os cursos académicos. Tomando en conta estes datos da táboa, estimamos que o número de matriculados/as nos próximos cursos sería de aproximadamente 80, dos/as cales o 45% serían de outros países.

3.4. Complementos de formación

No caso de que os estudantes non teñan a formación previa completa esixida polo programa, a admisión poderá condicionarse á superación de complementos de formación específicos.

Neste caso, os programas, a través da súa memoria, determinarán os complementos de formación que deberán ser concretados para cada alumno/a pola Comisión Académica do Programa de Doutoramento, sen que poidan superarse os 15 ECTS. A realización destes complementos poderá ser previa ou simultánea á matrícula en tutela académica no programa. No caso de realización simultánea, o alumnado deberá matricularse destes complementos no momento de formalizar a matrícula de tutela académica no programa. No caso de ser previa, só se matriculará destes complementos e non se asinará o compromiso de supervisión nin se abrirá o Documento de Actividades do/a doutorando/a ata a súa superación.

Os complementos de formación deberán superarse no prazo máximo de catro cuadrimestres consecutivos. De non facelo así, o alumnado causará baixa no programa.

Estes complementos específicos de formación poderán ser de materias ou módulos de máster e grao e terán, a efectos de prezos públicos e de concesión de bolsas e axudas ao estudo, a consideración de formación de nivel de doutoramento. No caso de realizarse con carácter previo, o seu desenvolvemento non computará a efectos do límite temporal establecido para a realización da tese. Estes créditos non computarán a efectos dos requisitos ordinarios de acceso ao Programa de Doutoramento.